DON ÁNXEL FOLE E DON XOSÉ TRAPERO
PARDO
Aínda que xa pasou moito tempo e non me lembro moi ben das historias, vou intentar contar unha na que dous escritores moi coñecidos e queridos en Lugo discutiron, como facían sempre que se atopaban, con aquela vehemencia tan súa que nunca acababa en desavinza.
Ese día foi no Castroverde, un bar moi frecuentado da rúa do Progreso, para tomar un branquiño e unha tapa. Don Xosé estaba alí coa cunca na man cando entrou don Ánxel e se saudaron.
—Bos días, don Xosé —dixo don Ánxel.
—Bos días, don Ánxel —dixo don Xosé—. A que non sabe con que palabra me atopei onte?
—Pois verá, se non ma di… —contestou don Ánxel.
—A palabra é icosaedro —dixo don Ánxel.
—Pero esa palabra é unha palabra xeométrica —dixo don Xosé—. Non lle vexo ningunha novidade; pensei que me ía dicir outra que eu non oíse nunca. Ademais, icosaedro pódese dicir tanto en galego como en castelán.
—Tamén me encontrei coa reflexión dun labrego que me dixo que o galego non existe, que todo o que se escribe en galego é falso e o que se fala, case, que toda a linguaxe está feita á forza. En definitiva, que o galego non existe, e que o están argallando algúns dos que antes prohibían a súa fala. Se é así, hai cousa máis falsa?
—Pero vostede non é o que di que a fala é o que se fala? —dixo don Xosé.
—Sempre e cando non falen coma Filomena —dixo don Ánxel.
—Xa estamos faltando! —dixo don Xosé—. Pois a Filomena fala coma o noventa por cento dos galegos de Galicia e de América.
Daquela entraron no Castroverde don Valentín e o señor Basilio. E como don Ánxel e don Xosé berraban moito, estes decatáronse da conversa, así que o señor Basilio non puido evitar tomar parte nela.
—Eu viaxei moito polo mundo, coma todo o mundo sabe, e podo dicir que os galegos que viven alén da terriña non falan o galego coma di vostede que o falan —dixo o señor Basilio—. É dicir, foxen da palabra merda e din caca, por exemplo. Ademais, esquécense do palleiro, da palla, do arado, das vacas… E para limpar o cu empregan papel hixiénico en vez de verzas.
—Pero quen di que existe o galego? Que eu saiba, nin o dixen eu nin o dixo don Xosé —dixo don Ánxel—. Eu só dixen que atopei unha palabra: icosaedro. Ademais, a fala é o que se fala, insisto. E se na Arxentina din caca e non din merda, e iso o di un galego, daquela a palabra caca é galega, porque non a di un inglés; se non, sería inglesa. Digo eu, vaia.
—Cando emigrei por Europa tiña unha maneira de identificar os galegos —volveu dicir o señor Basilio—. Eu escoitaba á xente falar raro e non comprendía nada ata que oía, por exemplo, cando a xente subía ao tren ou a un autobús e a unha muller se lle trababan as pernas entre as saias, o home dicíalle: “Sube, carallo”. Velaí estaba un galego.
—Daquela non se lles esquecía de todo a fala —dixo don Ánxel.
—Non —dixo o señor Basilio—, porque o carallo usábano de comodín para introducir ou para rematar as frases.
—Claro que nós, que somos intelectuais, non imos poñer nos nosos escritos esas palabras, pois non son de bo ver nin de bo ler —dixo don Xosé.
—É verdade, pois Pelúdez só di carallo cando está na casa, pero cando vén ás festas do San Froilán nunca o di —dixo don Valentín.
—Algúns personaxes dos escritores galegos semellan ser máis chineses, pois non os entende ninguén porque lles falta iso, a fala —dixo don Ánxel.
—Os mesmos intelectuais son os peores censores da fala, os que organizan concursos literarios, a propia administración… —dixo don Xosé—. A poesía social xa non existe nesta terra, coma se aquí vivísemos nun paraíso. E os escritores sociais están ben mantidos por algún tirano que lles quitou o turbo da pluma.
—Acaba vostede de dicir a palabra turbo, acaso é unha palabra galega? —preguntou don Ánxel.
—Depende —dixo don Xosé—; pódese quedar nun trebón se é unha turbonada, pero se é un turbomotor entón pódese quedar nun verso libre, pois iso é o que lle fan case todos os poetas galegos ao verso: poñerlle o turbo e saírse da páxina con el.
—Xa, pero iso non é do que falaban —dixo Aurita, a dona do bar—. Creo que falaban da palabra icosaedro ou da caca do galego. Nunca se poñen de acordo e sempre acaban rifando coma dous cativos.
O señor Basilio e don Valentín pensaron que xa estaban de máis na conversa, apartáronse para un lado e seguiron soltando parrafeadas e tomando o branquiño cunha tapa, porque a iso se ía ao Castroverde da rúa do Progreso de Lugo.
Don Ánxel e don Xosé seguiron charlando sen deixaren de discutir. Semellaba que se levaban moi mal ou iso é o que se sospeitaba. Aurita, a dona do bar, metíase con eles: era unha moza moi nova e de moi bo ver, e eles gozaban coa súa presenza como gozaban os poetas dun verso ou dunha frase bela.
A xente entraba e saía do Castroverde coma se nada, viñan tomar a tapiña e o branquiño e non reparaban na liorta dos dous intelectuais porque á xente pasáballe coma a case todos os chineses: non se lles entendía nada. Ademais, e segundo en que tempos, en galego non se podía falar porque estaba mal visto polas autoridades fascistas e pola xente, que dicía sobre todo aos cativos: “Habla bien”. E comezaban a falar en castelán porque o galego, dicían, era de pailáns.
Así as cousas, grazas Fole e grazas Trapero polo voso falar.
Tal e como o escribín daquela en 1980,
Vicente Piñeiro