«A accesibilidade é un dereito, a condición previa para participar na vida da comunidade. Como punto de partida afecta a todos de maneira constante ou temporal. O deseño do barrio no que vivimos vai condicionar a nosa calidade de vida. Un barrio accesible permite que todos os seus cidadáns gocen en igualdade dos espazos urbanos coa maior autonomía posible. Moitas veces pequenas medidas poden facilitar, ou dificultar, o tránsito das persoas nas rúas.
A miña chegada ao barrio da Milagrosa foi casual, buscaba unha vivenda que reunise unhas condicións, que daquela non eran habituais, como que o ascensor comunicase co garaxe e que este tivese porta automática. Xa asentada, loitei, na medida do posible, por mellorar a súa accesibilidade e porque fose un barrio máis inclusivo. Como mostra: as primeiras fases de ramplas que se fixeron en Lugo, alá polos anos 80; na cuarta presentouse un listado da zona de Camiño Real, praza da Milagrosa e rúas intermedias. Tamén se celebraron, na praza, os primeiros «Juegos sin fronteras» nas festas do ano 95, e inauguramos a rampla da igrexa no 97, despois de tres anos de loita.
Como non podía ser menos, por un lado porque son veciña do barrio desde hai corenta e dous anos e, por outro, pola relación de amizade con Guido, participei na primeira edición do proxecto «Descubrindo a Milagrosa». Nesta experiencia quixen centrarme na observación da accesibilidade na rúa. Descoñecía os itinerarios dos dous paseos guiados e foi un pequeno reto descubrir se eran practicables para persoas con mobilidade reducida. Andei por rúas que non coñecía coa incerteza de onde tería que dar a volta. O resultado, aínda con pequenos detalles a mellorar, é gratificante.
En canto á hostalaría, varias persoas preguntaron por un restaurante accesible; eu, que coñezo bastante ben a zona, só puiden recomendar, literalmente “dous e medio”, a metade dos cinco participantes. Dos dous hoteis: un, que non coñecía e que aproveitei para visitar, reúne mellores condicións de accesibilidade. Entendo que os que participaron nesta edición so representan unha pequena mostra, pero xa podo adiantar que se precisaría dalgunha campaña —“Por unha hostalería accesible”,— para que o noso barrio se poida considerar un barrio inclusivo. Aí queda a idea.
Parabéns aos promotores pola idea, unha iniciativa da que me alegrei e considero que hai que repetir e potenciar. Contaron con Guido, que descubriu aspectos descoñecidos do barrio, e con Cántigas e Frores e Bruno Villamor co grupo Perguizán que puxeron a nota musical. Aínda que o tempo non acompañou no segundo día, remato con bo sabor de boca porque a tapa e o menú, preparados para a ocasión, estaban exquisitos.»