Non somos, nin seremos no futuro, partidarios de organizar “días de…”, nin de colgar medallas a dereita e esquerda; pero non por elo deixaremos de recoñecer o traballo de persoas que merecen o noso recoñecemento pola súa loita e tenacidade. Citamos a dous colaboradores da asociación que, de seguro, seguirán a ser importantes nesta andaina, os dous MESTRES con maiúsculas: estamos a falar de Marisol Bravos, de sobra coñecida polos lugueses pola súa calidade humana e a súa loita pola integración social de persoas con diversidade funcional; e, por outra banda, Toño Núñez, un tamén poeta, naviego de tribu que, coa súa xunta directiva, loitan por conservar a identidade da “fala naviega” e recuperar o Castelo de Navia de Suarna. Ámbolos dous, na medida que precisen o noso apoio, xa o teñen.