«Para expresar descontento ou incredulidade ante unha situación inesperada e desafiante, atribúese a Don Quijote a expresión “con la Iglesia hemos topado”. Pois toca falar da Igrexa, inmersa na celebración do proceso sinodal 21-24 no que, por primeira vez e para dar resposta ao apartado 98 da Encíclica Fratelli Tutti, se invita ás comunidades a dar voz ás persoas con discapacidade. O papa, principal impulsor, di expresamente: «Me permito insistir: Tengan el valor de dar voz a quienes son discriminados por su discapacidad».
En setembro de 2022, o Dicasterio para os Laicos, a Familia e a Vida, e a Secretaría Xeral do Sínodo invitaron a máis de trinta fieis con discapacidade a ofrecer a súa aportación, conectando vía online desde distintos países. Un deles foi Enrique Alarcón, compañeiro de loita nos comezos do movemento asociativo en España, alá polos anos 70 e 80. El segue a formar parte da asociación Frater, que xunto a Auxilia eran das poucas entidades organizadas, aínda que non estaban ben vistas polos grupos de minusválidos, xa que as consideraban paternalistas e pouco reivindicativas.
Á proposta do papa citan de maneira presencial en Roma, repito por primeira vez, a cinco persoas de Méjico, Australia, Francia, Italia e España. Enrique, na súa cadeira de rodas debido a un accidente, é o primeiro laico con voz e voto, por invitación expresa do papa Francisco, que comparte reunións xunto aos demais Padres Sinodales. Hai uns días, aproveitando o seu paso por Galicia, tiven oportunidade de compartir unha xuntanza e coñecer de primeira man a súa impresión, na que destacou as dificultades físicas durante a súa estancia xa que non hai habitacións nin baños adaptados para persoas con mobilidade reducida.
Despois de meses de traballo, e con vistas á segunda sesión da Asemblea Sinodal —outubro de 2024—, presentaron un documento con parágrafos como: “Necesitamos que se nos dé la oportunidad de crecer en nuestras comunidades desde una edad temprana, para que podamos llegar a ser adultos con plenos derechos y capaces de ser un factor de cambio positivo”. Aínda que se avanzou moito desde o primeiro documento “siguen existiendo obstáculos y prejuicios, así como fuertes experiencias de paternalismo y asistencialismo, que limitan nuestra participación activa en la vida de la Iglesia”, xa que raras veces se contou coas persoas con discapacidade na primeira fase do Sínodo a nivel de dioceses e parroquias.
Volvendo ao dito de don Quijote, os dous coincidimos en que, con todo ser difícil, nos foi máis fácil loitar na sociedade civil na que se foron acadando moitas cousas mediante leis, decretos… En pouco máis de corenta anos fomos capaces de transformar a realidade social, mentres que nos dous mil anos da Igrexa aínda empezamos a facernos presentes como membros de pleno dereito e non como meros receptores de caridade, fomentando así un conformismo co que temos que vivir. A Igrexa ten que tomar conciencia das barreiras culturais e físicas que impiden a nosa presenza, e asumir a necesidade da inclusión de maneira organizada e non só con boa vontade.
Revisando o documento, e lembrando a miña loita durante tres anos pola rampla da igrexa da Milagrosa, resulta desalentador ver os niveis de actuación reivindicando temas tan elementais como: eliminación de barreiras arquitectónicas, linguas de signos, documentos en braille, formación sobre as distintas discapacidades, diferenza entre enfermidade e discapacidade, presenza nos órganos de decisión, etc. Confiemos que o enfoque especial do Sínodo, sirva para dar paso a unha Igrexa acolledora e inclusiva, que mire o potencial e as capacidades das persoas e non se quede nas limitacións, que busque desterrar un “eles” para falar dun “nosoutros”, e así superar un “actuar para” por un “actuar con”.»