SUBTÍTULOS:

 
 
 
 
 
 
 
 
 

«Xa case podemos dicir que hai días para todo e non podía faltar a cadeira de rodas, que tamén celebra o seu Día Internacional desde 2008, para recoñecer o impacto positivo na vida das persoas que a utilizan. A iniciativa vén do inglés Wilkinson, diagnosticado de espina bífida. Escolleu o 1 de marzo na honra do nacemento da súa nai, polo seu apoio e inspiración no proceso da enfermidade.  

Coa data tamén se pretende: facer visibles os dereitos das persoas usuarias de cadeira de rodas, concienciar sobre os desafíos aos que se enfrontan a diario, promover a igualdade de acceso e oportunidades, e impulsar as accións necesarias en infraestruturas ou espazos públicos e privados que faciliten unha mobilidade fluída. En definitiva, sensibilizar á poboación sobre a importancia da accesibilidade e da inclusión das persoas.

A nosa vida ten que xirar arredor da cadeira de rodas xa que dependemos do contorno. Día a día vexo con incredulidade, aínda me queda capacidade de asombro, como locais cambian de actividade sen ter en conta o acceso, en teoría unha das condicións para dar unha licencia de apertura. A de veces que se falou que para que un local poida exercer a súa actividade debe acreditar que cómpre as condicións de accesibilidade. Máis ou menos custosa, e tendo en conta que tamén se poden conceder certificados de excepcionalidade, é unha inversión que se fai só unha vez.

 Para que a Ordenanza Municipal aprobada no 97, e que tanto costou conseguir? Seguimos a depender da sensibilidade e boa vontade. Explícome cun exemplo moi recente: un local da praza de Anxo Fernández Gómez que non era accesible, aínda que o intentaban cunha rampla metálica, trasladouse ao Campo Castelo coidando todos os detalles: porta, mostrador, espazos… (Sei do que estou a falar porque me pediron que fora probar unhas barras metálicas por se eran máis funcionais que a rampla da que dispoñían). Ben, pois nese local que deixaron abriu outro negocio nas mesmas condicións; confeso que desde que souben desa próxima apertura non deixei de mirar por se remodelaban o acceso, pero non.

Por outra banda tamén me consta, esta vez no barrio da Milagrosa, que negocios que queren coidar ao máximo o tema da accesibilidade —o local dispón dun baño adaptado, pero non se pode acceder ao local—, non entenden que os trámites se alarguen no tempo. Cando por moito, cando por pouco. Unha mágoa que non se controle ou facilite o cumprimento da normativa. Así non avanzamos para chegar a unha cidade máis inclusiva e que ese Lugo accesible se converta nun símbolo de calidade.»

 
 

Comparte

Síguenos!

Copyright LugoSempre.com 2021

Política de privacidad