Entrevistamos ao empresario lugués José Cando Sixto, novo presidente de Lugo Sempre.
LS: Porque chega vostede a presidir Lugo Sempre?
JC: Ben, o pasado día 14 do mes de abril, Agustín Gallego convocounos á xunta directiva e tamén aos socios para informarnos da súa decisión de poñerse a un lado ao se presentar na lista do PP ás eleccións do vindeiro 28 de maio; outro tanto fixo a socia Carmen Río, que tamén se presentará ás mismas eleccións pola formación Contamos Galicia. Como cargo orgánico dentro da asociación, Agustín exercía a labor de Presidente e, polo mesmo, é un feito que honra a súa persoa e, por suposto, ao colectivo. De tal feito, é nesa mesma xuntanza onde se toma a decisión de darlle continuidade a asociación. Á súa vez, créase, de xeito provisional, unha nova xunta directiva na que o equipo deposita en min a confianza para exercer a presidencia.
Está satisfeito da labor realizada pola anterior xunta directiva durante estes anos?
Satisfeito é pouco dicir: síntome orgulloso de formar parte dun colectivo de persoas que poñen o seu empeño, tempo e, porque non decilo, tamén cartos, en armar vimbios para facer un Lugo mellor.
Que proxectos inmediatos ten para Lugo Sempre?
Básicamente seguir o camiño andado e ir progresando pouco a pouco, non vale de nada correr se non chegas á meta; e a única meta que move á asociación é a de facer de Lugo unha cidade de primeira división, unha cidade que non quede atrás. Até o momento logramos implicar a un bo número de artistas, escritores e poetas, así como a persoas cunha gran sensibilidade social da nosa contorna ás que, con humildade pola nosa parte, damos visibilidade cara a sociedade luguesa. A nosa intención é continuar e, no posible, implicar a máis persoas que poidan compartir con nós as súas inquietudes.
E a medio e longo prazo?
Temos unha asignatura pendente que agardo poder poñer en práctica á volta do verán; trátase de organizar conferencias e actos abertos á sociedade luguesa. Para elo tentaremos de financiarnos para poder alugar un local o máis céntrico posible e no que poidan participar o maior número de persoas.
Lugo Sempre, é unha asociación aberta a sociedade?
Por suposto, como non podía ser doutro xeito. Esa é a verdadeira vocación de Lugo Sempre. Na actualidade, preto de medio cento de persoas, entre socios e simpatizantes, conformamos o colectivo. Agardamos incrementar ese número antes de que remate o ano.
Hai uns meses fusionaron traballo con outra asociación; como ve o futuro do que chaman “Irmandade Lugo Sempre”?
Si, é una idea que xa puxemos en practica xunto á Asociación Os 5 Ríos do Corgo e coa que colaboramos de xeito continuado, mantendo a natural independencia de cada agrupación; e teño que dicir que está a ser unha experiencia moi satisfactoria. Estamos en contactos moi avanzados con tres asociacións máis da provincia coas que, en próximas datas, agardo poder chegar aos mesmos acordos de colaboración e integración na Irmandade.
A asociación da que é presidente mantivo activo o que deron en chamar “Observatorio Político”… De manterse nas novas propostas da asociación, seguirán igual de incisivos como até o momento?
Agradezo moito esta pregunta. Unha das señas de identidade de Lugo Sempre, dende o seu nacemento, foi a de implicarnos coa máis absoluta independencia dentro da sociedade luguesa ―na que convivimos, claro está―, e a política forma parte da vida diaria das persoas. Sempre dentro da corrección e a educación coa que todos debemos ser tratados, o Observatoria Político será o faro da asociación. E non, non nos doerán prendas en chamarlle ás cousas polo seu nome, nin a calquera formación política. Se temos que loubar, farémolo, e se temos que facer crítica, seremos consecuentes co sentir da rúa. As persoas e o benestar dos veciños serán sempre o primeiro para Lugo Sempre.