Segunda entrega de “Faisca vs Carambo”

 

Preguntámonos:

O teatro vive ou sobrevive? 

Hai séculos que o teatro nos acompaña: como espello da sociedade, como berro político ou como refuxio emocional. Pero… segue sendo relevante no 2025? Segue vivo e con forza? Ou agoniza, atrapado entre pantallas e formatos pasados?

Nesta nova entrega de opinións cruzadas, abrimos o pano para escoitar dúas voces con posturas ben diferentes. Por unha banda, Paco Nieto (Faísca) defende que o teatro está máis vivo ca nunca, especialmente en Lugo. Pola outra, Damián Rodríguez Pérez (Carambo) sostén que o teatro perdeu frescura, capacidade de impacto e público.

 

PACO NIETO – Faísca

Vive, claro que vive. E longa vida.

 

Xa quixese nunhas poucas liñas poder citar toda a
actividade teatral ben elaborada por entusiastas da escena. Con atrezo
perfecto, bambalinas ben organizadas e libretos adaptados con emoción e entrega
por parte dos actores. Atrévome a asegurar que Lugo é das moi poucas provincias
que contan cun número maior de grupos de teatro e actividade teatral, ás veces
humilde, pero seria, moi seria á hora de izar o pano.

 

Quedará algún no tinteiro, pero vou citar algúns
grupos solidamente asentados na sociedade lucense: Hipócrita Teatro,
Achádego, Palimoco, Ítaca, Pinconús, Trécola, Teatro Down, Tarabela, O Batán,
Os Baluros, Rebuldeira, Alentía, Nostrum Cai, Vos Pincharneiros…

 

Federico García Lorca xa o dixo: “Un pobo que
non axuda e non fomenta o seu teatro, se non está morto, está moribundo.”


Pois en Lugo, compañeiros, está ben vivo e con moita escena por diante.


 

DAMIÁN RODRÍGUEZ PÉREZ – Carambo

O teatro desapareceu ou está en vías de desaparición.

 

Todo elo por moitas razóns. Por unha banda, a
proliferación dos musicais de estilo Broadway converteu o teatro nun show:
luces, voces afinadas… pouca diferenza hai xa entre unha obra e un concerto de
Dua Lipa.

 

Por outra banda, a forma de consumir ocio mudou
radicalmente. Para que ir a unha obra ou ao cine se temos Netflix no móbil e o
sofá da casa?

 

O teatro non morreu, din os críticos, pero as tramas
repítense ata a extenuación: enredos, familia, morte, culpa, traxedias. O
típico: un grupo de amigos reúnese para celebrar algo e, a partir de aí, todo é
berros e ceños fruncidos. Cantos textos seguen ese esquema máis caduco ca
folla seca en outono?

 

Aquí, en España, o teatro converteuse nun coto
burgués, branco, e maiormente escrito por dramaturgos acomodados. A comedia
física deu paso á comedia hiper dialogada, redactada por plaxiadores de Molière
e grafómanos de libreta chea.

 

Parafraseando a Rocío Jurado:
“O teatro morreu de tanto usalo.”


 

Dúas visións, un debate aberto… e unha invitación a pensar (e opinar).
Ti con quen vas: con Faísca ou con Carambo?

Comparte

Síguenos en

Copyright LugoSempre.com 2021

Política de privacidad