O día que ti chegaches

o sol de agosto ía baixo

con desexos de bicarte

debecía por ti un anxo

baixou ata o horizonte

meteu un raio na fonte

e quixo así bautizarte.

 

O segundo día de terte

caeu unha treboada

tiña medo de collerte

tan fráxil e delicada

caían lóstregos e ameite

e quería protexerte

ollando como diluviaba.

 

Eu choraba e ti durmías

collida naquel meigallo

que te tiña adormecida

que ó útero te voltaba,

nun pesadelo mollado

o pánico me afogaba.

 

Esperta miña meniña

abre os ollos ó solpor

verás cantas anduriñas

veñen despedir o sol

e como refresca o día

e a noite trae o frescor

ó teu ser de farangulla

e boquiña de burbulla

e me asenta o corazón.

 

Eses ollos de castaña

con reflexos de avelá

ollaron pra nós tranquilos,

confiados, satisfeitos

e nós sin estar afeitos

ficamos xa poseídos

polo amor máis ancestral,

auténtico e bendecido,

o amor que nace nos pais.

 
E. C.

Comparte

Síguenos en

Copyright LugoSempre.com 2021

Política de privacidad