Dedicatorias e doazóns
Sempre é unha boa ocasión para ler e falar de versos ou, máis ben, falar a través deles. Especialmente pasado o Día Mundial da Poesía.

Hoxe lembramos O aturuxo, poema que a autora Elvira Cereijo, colaboradora de Lugo Sempre, lle adicaba hai un ano á Agrupación Artística Gallega Rosalía de Castro, pertencente ao Centro Galego de Madrid, con motivo do seu centenario. Dous meses máis tarde, a escritora doaba cinco libros da súa obra á Biblioteca do Centro de Madrid, onde, dende entón, pódense atopar “O tempo da cinza” e “Poemas da noite pecha” (2019), “Avelaíñas” (2020),” Dous paporrubios pirlando” (coautoría, 2021) e “Anaquiños de Begonte”.
Un bravo berro ancestral
escóitase polas rúas
orgullo de Breogán
o noso sangue aturuxa.
Nas linguas e mais nas mans
cargadas de compromiso
dun exército leal
cun fero amor insumiso.
E nas rúas de Madrí
laia a gaita e o pandeiro.
Rosalía rí, felíz
apousada nun luceiro.
Que se demostre a bravura
que se expanda e se coñeza
a esencia dunha cultura
mostrada con afouteza.
Benzoados os que a levan
e predican desta maxia
loubados os que se esmeran
en expoñela con gracia.
Esta fondura entrañable
porta o misterio das fragas
o rumor inacabable
das mareas e das praias.
O respiro das fumeiras
enclavadas nos tellados
mentras cae a orballeira
cheira ó fume dos carballos.
Nos cantos que se adiviñan
nas néboas das nosas chairas
nas pingas de mil morriñas
e nas tardiñas polas airas.
Os sabores das lareiras
arrecendos garimosos
as foliadas das aldeas…
celebremos xuntos todos!
Que viva a nosa bandeira
e os que a levan con orgullo!
que siga grácil e lixeira
ó compás dun aturuxo.
(O aturuxo de Elvira Cereijo Arias)