SUBTÍTULOS:

“Novas eleccións e vellos argumentos que lembran os daquela primeira mesa redonda cos nove candidatos á alcaldía, un 10 de maio de 1991. Todos prometeron acabar coas barreiras. Mesmo falaron de crear un Consello Municipal de Servicios Sociais para canalizar a participación das asociacións, e subvencionar a particulares para adaptar os seus comercios. Xa se deran algúns pasos e cremos nas súas palabras, claro que como dicía Enrique Tierno Galván las promesas electorales están para no cumplirse. Co tempo, a mesa redonda converteuse nun clásico das eleccións. Estiven en varias sen que ningún partido fixese alusión ao 4 de decembro do 2017, día no que remataba o prazo para que TODO fose accesible. As nosas demandas non representan un reclamo social e fanse históricas en temas que debían estar superados. Que queda por dicir para acadar ese «Lugo sen barreiras» cando seguen a verse locais que cambian de actividade se ter en conta a normativa?

A accesibilidade abre portas a outros dereitos e a súa falta é a primeira causa de discriminación. Respectar a dignidade das persoas implica recoñecer as súas individualidades. Quizais nunca se pensou nas que teñen que optar por non viaxar, non tomar líquidos antes das saídas ou non asistir a eventos ante a dúbida de contar cun baño adecuado. Persoas con grandes necesidades de apoio na súa hixiene que non dispoñen de espazos para cambiarse. Por iso hai que abordar outras iniciativas como os «Cambiadores Inclusivos». Un concepto de baño innovador que nace para dar resposta a necesidades non resoltas na nosa sociedade. Son sanitarios que teñen que cumprir uns requisitos e dispor dun certificado, deseñados para persoas con problemas derivados da idade avanzada ou diferentes discapacidades, e indispensables para un número máis elevado do que se poida pensar. Non son para o uso de persoas autónomas nin podemos confundilos cos baños accesibles que tampouco abondan.

Os cambiadores inclusivos van máis alá na liña de que se existen para nenos por que non para adultos que os necesitan. Trátase de dispor dun espazo seguro e limpo co equipamento apropiado: inodoro, lavabo, ducha, guindastre, padiola… e coordinado mediante un sistema de xestión que sirva para crear emprego. A súa localización estaría en lugares estratéxicos como o centro da cidade, centros comerciais, de ocio, deporte, saúde, transporte, etcétera. Pensando que tamén hai que coidar aos que coidan proporcionando as axudas necesarias, precísanse infraestruturas máis avanzadas tendentes a reducir desigualdades. É de destacar que Galicia deu o primeiro paso instalando un na praza de Galicia, en Pontevedra. Para mellorar a calidade de vida dalgunhas persoas evitando situacións pouco dignas, Lugo podería ter ese Cambiador Inclusivo que, de seguro, abriría moitas posibilidades. “


Comparte

Síguenos en

Copyright LugoSempre.com 2021

Política de privacidad