Febreiro, 2023 - Traballando para mellorar á cidade que coida de nós.

Reunión da xunta directiva de Lugo Sempre

Febreiro foi un mes cheo de movemento para Lugo Sempre. Detrás de cada portada, cada texto, cada persoa… existe unha razón de ser, unha morea de ideas e moito amor por difundir o que é noso. 

Na asociación, cada mes é unha oportunidade máis de dar a coñecer o noso fogar, de darlle visibilidade ao que nos identifica como cidadáns e individuos, de pedir cambios a mellor e de poder coñecernos e acompañarnos como vecindade.

 

Cuestión de prioridades 

Febreiro trouxo presente e futuro para Lugo Sempre. A mediados de mes, o equipo directivo tivo a oportunidade de se reunir para falar da poxección da asociación, artellar todos os proxectos en mente e poder poñer en escena todas aquelas novidades que queremos que vexan a luz do día. Xa deu comezo unha etapa que virá marcada pola optimización da nosa Irmandade: potenciar a implicación e o movemento de novas asociacións que fagan da plataforma un forte equipo é un dos nosos obxectivos principais.

 

A actividade cultural terá máis presenza que nunca neste marco de prioridades, xa que a promocionaremos a partir de numerosas conferencias e actividades en distintos lugares da provincia. Mentres seguimos a organizar novos eventos que poidan resultar de interese para toda a cidadanía, non deixaremos de estar pendentes da actividade política que se aveciña: continuaremos escoitando e respondendo, sempre aportando propostas que poidan representar as necesidades dunha poboación que non só vive na cidade, senón que tamén mantén unha preocupación por facela máis acolledora.

 

Agora dámoslle a benvida a marzo, unha nova oportunidade de coidar á cidade que coida de nós.

Comparte

Síguenos en

Copyright LugoSempre.com 2021

Política de privacidad