Nunca é doado aceptar un cargo de responsabilidade, menos cando se trata de presidir un proxecto coma este, tan mimado e cunha fin tan clara. Con todo, o camiño faise máis simple se estás rodeado das persoas axeitadas. Hoxe teño que asumir esta función que se me encomenda logo de que Agustín Gallego, tras poñer en marcha a asociación Lugo Sempre xunto ao seu equipo hai un par de anos, tivera que facerse a un lado para deixar paso a outros, que de seguro trataremos de darlle a continuidade e longa vida que merece.
Como premisa fundamental, desexo manter a independencia que naceu como principio cando nos puxemos mans á obra.
Desexo resaltar a labor realizada por Melina López dirixindo a Revista CHÍO, que xa vai pola súa vixésima edición mantendo un deseño impecable con contidos de primeira orde.
Por se houbera algunha dúbida, o noso apelido sairá fortalecido; refirome a “Observatorio Político”. En breve, o compañeiro Luis Villares será o noso analista de cabeceira e aportará unha visión fresca do que está a acontecer ao redor de nós. Dentro desta mesma sección, tamén puxemos en marcha hai uns meses o que demos en chamar “Altura de Miras”, unha serie de comentarios reivindicativos firmados polo anterior presidente, Agustín Gallego. Neste caso, asumo a responsabilidade de continuar con este espazo en forma de editorial; de feito, xa podemos concretar que estamos a preparar contidos adicados ao Garañón, á ronda leste e ao rural.
Non quero rematar as miñas palabras sen ter unha lembranza a Marco Muñiz, quen nos fixo dar os primeiros pasos técnicos da nosa andaina modernista, dinámica e efectista e que, a día de hoxe, está a perpetuar a nosa Marta de Castro.
Por suposto, non deixamos de amosarlle o noso agradecemento aos colaboradores habituais de Lugo Sempre, que fan da asociación unha alianza entre tradición e progreso: Xosé Otero Canto, Luisa Velasco, Ángeles Valero, Marisol Bravos, Toño Núñez, Paco Nieto, José Manuel Rus, Elvira Cereijo, Pepe Chousa e a Asociación Os 5 Ríos do Corgo, coa que convivimos en fraternal irmandade.
En definitiva, seguimos aquí, listos para manter a vida, agardamos que longa, de Lugo Sempre.
José Cando Sixto
Presidente de Lugo Sempre