Editorial

Certamente comeza un longo tempo electoral que nos levará ata as eleccións ó Parlamento Galego no ano 2024; mentres, e con data fixa, as municipais do 28M deste mesmo ano e as do Parlamento Europeo, que serán o día 26M do ano 2024. 

Sen data fixa, todo indica que a celebración das eleccións xerais en España, sobre as que corresponde ao Presidente do Goberno a súa convocatoria, terán lugar polo mes de nadal. O mesmo acontece coas eleccións ó Parlamento Galego: as últimas celebráronse no mes de xullo do ano 20. Polo tanto, todo apunta a que os galegos terán que elixir aos representantes no Pazo do Hórreo cara verán do 2024. Neste caso, tamén é o presidente quen ten a potestade de adianto dos comicios. 

Pero imos ás que quedan máis preto: as municipais, esas nas que os votantes elixen a veciños para que gobernen ós veciños; esas nas que os aspirantes a concelleiros escoitan ós veciños, segundo eles, para facer un programa electoral, tantas veces utópico e adornado con frores de primaveira, que logo podrecen nun caixón. Na capital da provincia, en Lugo, ante o coñecido ata o momento, só hai dúas posibilidades: ou ben goberna unha coalición, a formada polo PSOE e máis o Bloque e da que xa coñecemos o reparto dos cartos a gastar, 60/40, con tódolos matices que se queiran, mesmo a dun sorpasso – pouco problable, pero posible -, acomodo de áreas, túa, miña; túa, miña… Claro que, para iso, teñen que acadar a suma de trece concelleiros entres as dúas formacións. Os mesmos terá que conseguir o Partido Popular (a outra posibilidade) para poder coller o bastón da alcaldía; saen fortes os da gaivota. A aposta vai ser potente, supoñemos que dende Santiago aguilloan á militancia e á candidata para dalo todo coa fin de chegar a destino e poder presumir de gobernar nunha capital galega. 

A baralla está ó reparto, só falta poñer os trunfos. Do resto de formacións, danos que ó éxito será minguante e mesmo simbólico nalgúns casos. Pero, como dicimos, o de Lugo será só cousa de dous: ou a parella, ou os azuis. 

Pero non remata aquí a cousa, dende logo; en xogo está o goberno da Deputación Provincial. Aí si que se moven cartos para ter contentos aos seus (enténdase alcaldes da mesma cor política). Esta si que será unha batalla sen treguas e con hostilidades e xenreiras; este si que é un prato que gusta a todos e, polo que se ve, no partido xudicial de Lugo é onde se decide ese un deputado que pode caer dun lado ou do outro para dar o goberno provincial. Por certo, por que se mantén o anacronismo desta institución? E logo non é tempo xa de falar en serio e poñerse a desmontar este andamio, por veces improdutivo e clientelar? Do que, por certo, non hai papeletas de elección para os que deben votar. 

En fn, xa queda pouco para a “festa democrática”, pois poñámonos guapos para ver o baile doutros.

Comparte

Síguenos en

Copyright LugoSempre.com 2021

Política de privacidad