A miña vida xirou en torno á escola, primeiro porque non me admitían nela e despois polos trinta e sete anos que dei clase. Agora, xa xubilada, participo en iniciativas moi interesantes. En varias ocasións falei das vivencias como alumna e como mestra de EXB, Educación Primaria e Alfabetización de adultos. Sirva de mostra que estiven no CEIP nº 1 de Foz con motivo do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, e con alumnado de ensino secundario no colexio dos Maristas e no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, colaborando como Voluntaria do Espazo +60 de Afundación para ler con algúns alumnos Memorias dun neno labrego ou o programa «Falamos da escola. O valor da experiencia». Volver ao Instituto no que fixen Bacharelato e COU, sen perspectivas de futuro e acompañada dun certificado de subnormal, espertoume moitos recordos.
«Falamos da escola» vén a ser un encontro no que alumnos e maiores debaten sobre a educación. A miña aportación consistiu nunha pequena charla, reforzada cunha presentación powerpoint, sobre a escola, desde a descrición do edificio ata o método empregado, case sempre autoritario e memorístico. Utilicei imaxes ilustrativas para matizar a diferencia entre integración-inclusión, igualdade-equidade… Como non podía ser doutro xeito, dixen que estudei trece anos en centros con barreiras e que poucos mestres crían nas miñas posibilidades porque destacaban máis os bastóns. Como curiosidade: aínda que fixen o Bacharelato Superior por ciencias e con boas notas, no informe final figuraba capacitada para carreira de letras.
Un segundo encontro cos alumnos en grupos reducidos permite falar de maneira máis aberta do que están a vivir e responder á pregunta: cal debe ser o papel da educación? O listado de propostas de como queren ‒queremos‒ o ensino do futuro foi moi amplo. Cito algunhas ideas: xerar confianza nun mesmo, educar en valores, formar cidadáns con capacidade crítica, ensino menos teórico e máis práctico, accesibilidade e atención á diversidade… Pode semellar que as historias que contabamos os xubilados eran caducas, pero chamoume a atención que, case cincuenta anos despois dos nosos estudos, se repitan moitos patróns. De maneira especial destacan a falta de vocación do profesorado, comentando algúns que se notaba perfectamente cando actuaban como simples funcionarios.
Desde a miña Enciclopedia Álvarez ata a chegada das novas tecnoloxías, o sistema educativo pasou por importantes transformacións e distintas leis orgánicas como, por citar algunhas: Loe, Lomce, Logse, Lomloe… pero segue a fallar a dimensión humana, a proximidade, a empatía, a asertividade… Resulta triste e desalentador que factores como a nacionalidade, o xénero, o físico… deriven nunha discriminación máis sibilina. Non podemos mirar para outro lado ante noticias de bulling, suicidios… ou titulares como o da deportista Ana Peleteiro: «En el instituto me llamaban “negra de mierda”». Remato lembrando o dito: «Separados na escola, separados de por vida».