Se tivésemos que identificar á antiga Roma cun dos seus homes máis ilustres, sen ningunha dúbida este sería Xulio César, home cuxo carácter estivo sempre marcado polos seus logros, pero tamén pola cobiza e a presunción. Actualmente, ninguén pon en cuestión o papel tan decisivo que un personaxe tan singular como César tivo na Historia.
Nos múltiples e variados estudos que versan sobre a súa figura e obra foi definido como un dos máis soados protagonistas da civilización romana e como unha das personalidades decisivas que perpetuou os trazos definitorios e as funcións da historiografía. Neste sentido, non só foi o paradigma de historiadores e biógrafos clásicos e modernos, senón que a súa obra e personalidade foron tamén obxecto de estudo por parte de filósofos, filólogos, epigrafistas, arqueólogos, escritores, sociólogos ou artistas que dedicaron as súas investigacións para tratar de despexar dunha forma concisa, coherente e obxectiva, distintos aspectos da súa figura.
César, nado o 13 de xullo do ano 101 a. C., e finado o 15 de marzo do 44 a. C., dende finais do 59, ditador no 49 e no 47, cónsul no 48 e no 46, cónsul e ditador no 45 e no 44, posuíu constantemente o poder legal.
Na sortitio das provincias celebrada para o ano 61 a. C., a César foille concedida a Hispania Ulterior, provincia que coñecía ben por ter sido o seu cuestor no 69 a. C., (Isto é a actual Andalucía, a Lusitania, Portugal, Estremadura e parte de Castela e León). A Hispania Citerior, que tamén incluía Cantabria e o País Vasco, coñeceuse como Hispania Tarraconensis.
Pero César tiña débedas e para poder exercer o seu novo cargo sen ningún lastre, solicitoulle ao plutócrata Marco Licinio Craso que respondese dos seus apuros económicos, pois os seus acredores estaban dispostos a non permitir a súa partida ata que non liquidase as súas débedas.
Asignada a Hispania Ulterior non hai constancia de que César estivese en Galicia e moito menos no lugar que hoxe ocupa a cidade de Lugo. Moitos artistas, pintores de muros retrátano e queda aí ante os ollos nun lugar no que nunca foi, e algúns escritores cítano nas súas obras con palabras como se fosen ditas por el e non debemos esquecer que a maioría como as supostamente ditas o día do seu asasinato: “Ti tamén fillo meu”, son da creación de Shakespeare, incluso algunhas de Antonio que durante o funeral empregou contra os asasinos a furia que xa prendera por mor da lectura do testamento.
“Amigos, romanos, compatriotas…”, así empeza o parlamento que Shakespeare puxo en boca de Antonio aínda que talvez non se afasten moito das verdadeiras palabras e das accións do romano.
Sabemos que César remontou a costa portuguesa ata o Miño e aínda máis ao Norte, chegando a Brigantium (A Coruña), zona abundante en estaño e cuxa rota de acceso era coidadosamente velada dende antigo polos comerciantes gaditanos. Moi probablemente, César apoderouse, ou cando menos tivo a rendición de todos os poboados costeiros, os cales, ante a falta de recursos e aterrados ao non ter visto naves de tales características, rendéronse sen ofrecer ningún tipo de resistencia ás novas medidas político – administrativas cesarianas.
Non se dispón de testemuñas históricas que permitan certificar que César buscase a conquista da Gallaecia. Antes, ao contrario, todo indica que os obxectivos prioritarios de César consistían en saldar as súas débedas e custear a campaña electoral para o seu consulado. E a tal fin nada mellor que a irrupción nun núcleo como Brigantium, un verdadeiro depósito de riquezas intercambiadas cos navegantes fenicios e unha zona onde abundaba o estaño e o ouro.
Terminada con éxito a marcha, a flota tornou a Gades (Cádiz). Pero o primeiro romano en pisar con éxito a nosa terra, polo que recibiu o nome de Gallaicus, o Galaico, foi Décino Junio Bruto, cónsul o ano 138 a. C., na península Ibérica para sufocar aos pobos rebeldes situados entre o Betis e o Limia (2) que premian ás comunidades máis romanizadas do Sur.
(2) Segundo Rodríguez Colmenero, non era fiable que Roma naqueles momentos contase cunha autentica flota naval, nesta ocasión Bruto utilizou sistematicamente tropas terrestres e de existir apoio marítimo ou fluvial este tivo que ser escaso, circunstancial e de mero avituallamento.
Vicente Piñeiro