“ABERTA E PARTICIPATIVA”, ASÍ FOI A PRIMEIRA CONFERENCIA DA IRMANDADE

O pasado domingo 26 de marzo o Centro Sociocultural do Corgo acolleu a primeira conferencia da Irmandade: “Enfermidades crónicas máis frecuentes”.

As asociacións Lugo Sempre e Os Cinco Ríos tiveron a oportunidade de presentar á Dra. Luisa Velasco Prieto, médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e en Xeriatría e Xerontoloxía e encargada de impartir a conferencia.

O evento abriu as súas portas ás 12:00 e recibiu a máis de trinta persoas, veciñas de Lugo e O Corgo, que manifestaron un alto grao de satisfacción con respecto á celebración deste tipo de actividades dirixidas ao público. Os voceiros de ambas organizacións destacaron a importancia de levar a cabo eventos culturais e divulgativos que sexan accesibles para a poboación do rural, motivo polo que escolleron O Corgo como localización para a súa primeira xuntanza.

Segundo o persoal organizador, a conferencia resultou nunha charla “aberta e participativa” e significou “un punto importante de partida para futuros eventos da Irmandade”.

Ficade atentos para próximas novidades!

 

Copyright LugoSempre.com 2021