Polas noites a Mica acompáñame e permíteme estar con ela.
Eu son súa por lei felina e ostenta o báculo e a coroa de raiña dun extinto rabaño e dun exiguo fogar.
Antes de durmir practica un ritual de aseo e peiteado metódico e preciso que me ceiba á cara un sutil reproche camuflado en ceremonia.
A escuridade ten presencia con ela ó meu carón e na medianoite escóitolle un ronquexo tan humán que case me esperta a duda e me perturba o sono.
Na madrugada visítame e escolle. Agradece a brandura do meu ventre ou a chaira do meu lombo e sen remilgos senta o cú uns intres desfrutando da atalaia improvisada dunha cadeira ou dun xionllo flexionado.
De seguida póusame no peito o seu ventre impoluto e morno e atusma o meu latexo acompasado dentro dun corpo inerte.
Comparte comigo a súa enerxía, sanadora e curativa e despois adormece enroscadiña nos recunchos dos meus ángulos.
Ó mencer visítame as meixelas, bícame as pálpebras. Ela cóidame. Óllame en fite namentras deambulo allea e perdida por oníricos laberintos. Leva o misterio preso nos ollos dorados e cambiantes. Sábeo todo, pois hai un mundo compartido nunha dimensión oculta onde ela atopa a miña alma cando quere.
Polo día Mica úleme cando chego á casa co reproche bricándolle na ollada.
Indignada da media volta e pon o orgullo de barreira.
Pero pola noite volta a acompañarme e tecemos soños unha canda a outra.
E. C.