Unha vez máis mostra o seu amor a terra, e a súa profesión/vocación. Deixa a Lugo Sempre, como primicia, esta obra de teatro, por el escrita, para que nenos e nenas de toda Galicia podan disfrutar co idioma.

F A M O S O S   N A   LINGUA

Autor: Santiago Fernández Rocha.

(Obra de teatro)

LINGUA GALEGA.-Aínda que non volo pareza, eu son a lingua, a galega claro. E caracterízome por falar, aínda que a algunha xente lle gustaría que fora muda ou polo menos tatexa. Pero sigo aquí, empeñada en resistir e perdurar e serlles útil a todas as persoas galegas. Son así de teimuda.

XELA ARIAS.- Falta nos fai que sigas con ánimo de buxo. Xa ves que este ano me tocou a min apoiarte e darche forzas renovadas para continuar camiño da alborada.

L.G-. Graciñas Xela!

A verdade é que ando un pouco rengueante. Este medio irmán, o castelán, ségueche polas cidades coma Pedro pola súa casa. E incluso, vouche dicir, seica xa entrou nalgunha aldea. Sempre foi bastante trapalleiro e seguro que se presenta camuflado con roupa esfarrapada, unha artimaña para despistar os meus paisanos.

XELA.- Eu creo que tampouco hai que preocuparse máis do normal. Ti sempre tiveches un espírito labrego, “invencíbel na resistencia”.

L.G.- Xa, filla. Pero antano o mundo da aldea era un seguro de vida para min, pero agora algúns ata lles falan castelán aos cans, maiormente aos caniches, que son cans de pacotilla. Porque o noso can de palleiro ségueche coma sempre, firme e leal á súa estirpe.

XELA.- Iso é un bo sinal. Mira Breogán, dende os celtas aquí segue tamén connosco. Un exemplo de resistencia e compromiso co seu legado.

BREOGÁN.- O segredo, miña filla, estache nas proteínas do porco celta e na graxa do seu touciño que me dan enerxía e consistencia para seguir na resistencia e confiar no futuro, porque seguimos a ter moita materia prima, só falta darlle valor.

XELA.- Por certo, touciño é unha palabra celta coma moitas outras da nosa lingua.

BREOGÁN.- Tede a completa seguridade de que as palabras que vos legamos os celtas son as máis enxebres do galego e vexo que seguen resistindo coma un carballo, que, por certo, tamén é unha palabra de orixe celta.

L.G.- É certo. Pero ultimamente tiven que coller moita porcallada, iogur, sándwich, beicon… a moda, xa sabes. Din que cómpre adaptarse aos tempos, aínda que sexan tempos bastante fuleros.

BREOGAN.- Pero a moda dura o que dura porque é inconsistente. Por iso tes que ter sempre moito coidado coas porcalladas que colles, filla. Defende o que che fixo ser a lingua que es, que é o que te fai invulnerábel.

XELA.- Xa ves o latín, deixouse ir e xa non o usa nin o clero que sempre viviu apegado á tradición coma lapas.

Aquí tes a Paulo Fabio Máximo, nada menos que fundador de Lugo, e todo quedou nunha celebración festeira que lle fan co “Arde Lucus”.

PAULO F. MAXIMO.-É que pasaron moitos anos, Xeliña, máis de 2000! Pero non poñerás en dúbida que contribuímos coma ninguén ao nacemento desta lingua. Ben, algo tamén axudaron os celtas!

BREOGÁN.- Non empeces coa prepotencia de sempre, Paulo. Os romanos désteslle moito material, é verdade, pero nós démoslle a calidade, a enxebreza. O que lle deu resistencia e distinción a esta lingua.

L.G.- Veña, deixádevos xa de chufar o voso, porque quen segue na boca da xente son eu e diso se trata, de seguir viva.

Aquí tedes a Rosendo de Celanova, bispo de Mondoñedo e fundador do mosteiro de Celanova. Un galego importante que viviu no século X. El contaravos a miña historia na Idade Media, na que fun, nada máis e nada menos, que a dona e señora de toda a Gallaecia.

ROSENDO.- Convén que vos recorde que na miña época o galego era unha lingua normalizada, a única que utilizaban todas e todos os galegos, fosen bispos, nobres ou xente do común. Pódese dicir que dominabamos todo o panorama do noroeste peninsular. Nesa época, o galego era unha lingua con prestixio e sen que ninguén lle tusira.

XELA.- Lémbrate, querido Rosendo, que ata a empregou o rei Afonso X “O Sabio” que, como sabes, de neno fora educado na vila ourensá de Allariz. Todo un referente cultural.

ROSENDO.- Daquela, querida Xela, estabamos a construír un gran país. Pero todo cambiou no século XII, co nacemento do reino de Portugal. A Gallaecia romana ficou fendida polo Miño. Os galegos ao norte, os portugueses ao sur. E xa sabes, “divide e vencerás”.

XELA.- Eu sempre fun moi consciente dese feito, Rosendo, sempre traballei a prol dunha maior colaboración entre o galego e o portugués.

Son linguas xemelgas, coma quen di, nacidas dun mesmo tronco.

ROSENDO.- Así é. Só que tivemos unha evolución distinta por razóns políticas. Cuestións de herdanzas. Son cousas que pasan nas mellores familias. Pero agora xa foi e creo que cómpre afondar na amizade.

L.G.- Ben, a estas alturas da historia, eu xa che estou acostumada a lidar con este medio irmán. Sempre foi de espírito moi dominante, pero cando me quenta párolle os pés e punto.

ROSENDO.-Pensa que temos unha gran historia e non tes por que baixarlle a cabeza a ninguén. Lémbrate da grandeza das nosas cantigas e de toda a nosa gran creación ao longo da historia.

L.G.- Xa sei, fillo. No seu momento as cantigas foron un Best Seller. Todo un símbolo literario do noso esplendor. Precisamente aí vén Martín Códax, o gran trobador da época.

MARTÍN CÓDAX.- Moi boas, miña Señora! Permitídeme recitar unha das miñas cantigas favoritas para contribuír ao seu coñecemento e darme a coñecer, tamén, entre toda a xente moza.

“Ondas do mar de Vigo,

se vistes meu amigo?

E ai Deus¡, se verra cedo?

Ondas do mar levado,

se vistes meu amado?

E ai Deus¡, se verra cedo?

Se vistes meu amigo

o por que eu sospiro?

E ai Deus¡, se verra cedo?

Se vistes meu amado,

por que el gran coidado?

E ai Deus¡, se verra cedo?”

ROSENDO.- Bravo, Martín! Daquela non había “Operación Triunfo”, senón serías un claro gañador.

XELA.- Pero xa estaba o Camiño de Santiago, que merece ser lembrado, porque era algo así como é hoxe internet, un gran medio de difusión da cultura europea. Non hai dúbida de que a Idade Media foi para o galego unha época de gran esplendor.

MARTÍN CÓDAX.- É certo, pero no século XV unha néboa mesta cubriu, de súpeto, a todo o país e ocultou a nosa historia demasiado tempo, querida Xela.

NARRADOR.- Rematada a Idade Media a nobreza galega foi derrotada. Empezou entón un longo período de escuridade que durou tres séculos. Son os chamados Séculos Escuros. Desa época é coñecedora María Soliña, que simbolizou a loita solitaria do pobo contra todo inimigo.

MARÍA SOLIÑA.- Foron aqueles uns tempos de derrota para o pobo, de derrota e soidade, miñas queridas e queridos irmáns! E nesas circunstancias, chegou aquí unha grea de xente da meseta. Toda unha invasión migratoria como as de hoxe, pero ao revés.

XELA.- Como ao revés?

MARÍA SOLIÑA.- Ben, xa me entendes. Xente que non viña con intención de traballar e axudar as galegas e os galegos. O seu afán era comer do noso e mandar en nós e con claras pretensións de impoñer, tamén, a súa lingua.

XELA.- Aínda así, ti fuches testemuña de que o galego se seguiu a falar pola

xente do pobo.

MARÍA SOLIÑA.- Certo Xela, pero nos libros xa che escribían todo en castelán e, aí, nos libros, é onde che estaba o poder.

XELA.- En fin, que vos puxeron en corentena tres séculos e sen ter infección vírica de ningún tipo. Pero, aínda así, o galego resistiu coma un buxo.

MARÍA SOLIÑA.- Xa, si, pero perdemos o control do país e empezamos a imitar os que mandaban. Xa sabes, por precaución. As galegas e os galegos sempre che fomos así, moi precavidos. Talvez, por iso, seguimos aínda en pé. Non hai mal que por ben non veña.

XELA.- E que nesta terra sabemos moi ben que o poder é coma unha nogueira, debaixo da súa sombra non deixa medrar nada que a poida molestar.

MARÍA SOLIÑA.- Pero no hai mal que mil anos dure, Xela, e, ao final do século XVIII, saíu a primeira raiola de esperanza para a nosa cultura.

XELA.- Certo. Empezou aparecer xente ilustrada e as cousas, paseniñamente, empezaron a cambiar. O caso era empezar. E aquí tes o Pai Sarmiento, un dos grandes ilustrados da época e protagonista dese espertar.

PAI SARMIENTO.- Grazas polo recoñecemento, Xela, pero é que nos fomos dando de conta de que toda cultura é un ben que hai que preservar.

É o verdadeiro alimento da alma da xente porque é o froito da creación do seu espírito.

XELA.- Certo, pero o que sempre admirei de vós foi a vosa preocupación pola fala nai coma un ben polo que pular. Fostes vangarda neste asunto.

PAI SARMIENTO.- Como galegas e galegos, só intentamos coidar e promover a creación colectiva máis importante do noso pobo e todo futuro sempre empeza pola crianza.

XELA.- Pero o voso traballo preparou a chegada do Rexurdimento, no que aparecen as grandes figuras, Rosalía, Curros e Pondal. Toda unha labarada de luz para a nosa cultura e o noso país. Unha esperanza renacida, verdade Murguía?

MURGUÍA.- Sen dúbida. Por iso está aquí, acompañándome, a muller que mellor interpretou e plasmou na súa obra o sentir deste pobo. É a miña dona Rosalía a que vos recitará algo da súa gran creación poética.

ROSALÍA.- É un poemiña sinxelo pero fíxeno con moito amor e con todo o sentimento que lle profeso á terra que me acolleu no seu berce.

Lugar máis fermoso

non houbo na terra

que aquel que eu miraba,

que aquel que eu me dera.

Lugar máis fermoso

no mundo non hachara

que aquel de Galicia

!Galicia encantada!

!Galicia frolida!

cal ela ningunha,

de froles cuberta,

cuberta de escumas…

XELA.- Moitas grazas Rosalía!

A poesía é vital para un idioma, certo, pero non chega, querido Murguía. Cómpre ampliar o seu uso. Facer da lingua unha especie de todoterreo.

NARRADOR.- Esa foi a misión da Xeración Nós, ampliar o uso da lingua, normalizala. Un dos grandes desta xeración foi o ourensá Otero Pedrayo, que, tamén, hoxe, vos quere dicir algo.

OTERO PEDRAYO.- Si, quero contarvos a todas e todos que os da Xeración

Nós decidimos meternos no taller, pór a roupa de faena e facer do galego un todoterreo, nunca mellor dito. Unha lingua que servira para seguir usando nas leiras e a carón da lareira, pero, tamén, nos centros de ensino e nas parolas dos cafés das vilas e cidades e en todo lugar do país.

E para demostrar que era posíbel, o irmán Vicente Risco empezou creando a revista Nós e todas e todos nos puxemos cheos de ilusión á faena, abranguendo todos os xéneros.

VICENTE RISCO.- Así foi, porque como dicía sempre o irmán Castelao, “se aínda nos podemos seguir chamando galegos é por obra e gracia da lingua”.

CASTELAO.- É que é de caixón. Se non defendemos o maior patrimonio que saíu de nós, da nosa alma e que nos dá identidade, ben poderiamos acabar parecéndonos aos cans que ladran da mesma maneira en todo lugar do mundo. E sabedes por que? Porque os cans nunca foron capaces de crear nada. E este pobo, se algo foi, é un gran creador de cultura, aínda que haxa xente que lle custe recoñecelo.

VICENTE RISCO.- Si, polo que vexo, segue habendo bastante xente que turra acotío por non perder o instinto animal. Ademais, se te descoidas un pouco, trábante!

CASTELAO.- Xa, querido Vicente, pero xa a historia nos demostrou que o proceso civilizador é lento e progresamos en forma de dentes de serra. Unhas veces subimos e outras baixamos. Éche o proceder da humanidade. Pero no fondo sempre avanzamos, paseniñamente, pero avanzamos.

VICENTE RISCO.- Ben, parece xusto recoñecer que, tamén, hai xente simpática por este país adiante.

Na zona de Quiroga, conta o irmán Fole que houbo un cura que lles puxo nomes romanos a todas e todos os que bautizou. Fabiana, Octavio, Petronio… Seica se falaba no lugar dunha segunda invasión romana. Pero parece que todo quedou nas cousas dun louco consagrado.

NARRADOR.- E nisto, en 1931, chegou a República e Castelao e Otero Pedrayo saíron elixidos como representantes do galeguismo para as Cortes españolas.

CASTELAO.- Chegou o momento de defender Galicia en Madrid.

VICENTE RISCO.- E para empezar, puxécheste a defender a túa teima. “Que os recibos da contribución foran escritos en galego.”

CASTELAO.- Non tiña ningunha dúbida de que tiña que loitar para rematar con esa inxustiza e ese disparate. Non se podía obrigar a que a nosa xente seguira pagando os impostos a cegas.

OTERO PEDRAYO.- E con este espírito entusiasta, en 1936, presentamos o Estatuto de Autonomía para Galicia. Unha gran conquista para o país.

NARRADOR.- Pero, o 18 de xullo de 1936, as esperanzas quedaron rotas. Unha camarilla, dirixida por un tal Franco, declaroulle a guerra á República.

A catástrofe foi tan grande que din que o irmán Ánxel Fole se escondeu tres meses nun armario. Que o conte el mesmo.

FOLE.- E que declararlle a guerra ao pobo só pode ser unha ocorrencia de bandoleiros, carafio! e entroume un medo no corpo tremendo. Ata tiven febres frías.

Parecía todo unha película do oeste. Tiros por todas partes, a xente aparecendo morta nas gabias. Unha barbaridade tráxica promovida por xentes anegadas polo odio e baleiras de todo sentimento compasivo.

E desta situación de opresión, que durou 40 anos, naceu o poema “Longa noite de pedra”, de Celso Emilio Ferreiro, que el mesmo nos vai recitar.

CELSO E. FERREIRO.-Foi un poema nacido da impotencia e da inmensa dor que me produciu a situación de ignominia que estabamos a vivir e creo que merece recordalo para que a barbarie non volva repetirse.

O teito é de pedra

de pedra son os muros

i as tebras.

De pedra o chan

i as reixas.

As portas,

as cadeas,

o aire,

as fenestras,

son de pedra.

Os corazóns dos homes

feitos están

tamén, de pedra.

I eu, morrendo

nesta longa noite,

de pedra.

XELA.- E así vivimos 40 anos de opresión e infamia. Pero foron moitas galegas e galegos quen, con risco para a súa integridade, loitaron arreo por amor á Terra e para que a nosa lingua perdure, como dixo Cunqueiro, “mil primaveras máis”.

E con esa loita liderada, en primeira liña, pola Xeración Galaxia e por centos de asociacións creadas por todo o país para a defensa do noso, contribuíron a que volvera a democracia e a nosa lingua comezara, outra vez, a ser cultivada e desfrutada en liberdade por todas e todos vós e o resto das galegas e galegos.

E agora, pídovos que axuntemos as nosas voces para que todas e todos xuntos digamos estas palabras de Cunqueiro e Castelao:

CORO.- Louvado sexa Deus por permitirnos nacer e medrar na terra de Breogán.

Louvados sexan, tamén, as nosas e os nosos devanceiros, por ternos dado o don desta fala nosa. Por ensinarnos a dicir “andoriña” e “bolboreta”, “rula” e “dorna” e “paspallás”. Porque sabendo estas palabras, endexamais esqueceremos a nosa orixe galega e, por iso, queremos que a nosa fala dure e continúe e xuntamente, coa terra e mais os mortos, poida ser a quentura necesaria da nosa alma e a patria que nos acolla a todas e todos nós.

F I N.-

Notas.- Esta obra pode ser interpretada cada ano co lixeiro cambio de substituír o nome da ou do protagonista do “Día das Letras Galegas.”

-Este texto está feito, ben para ler colectivamente na aula ou ben para ser interpretado nun escenario.

-Trátase dunha ferramenta didáctica para iniciar a mocidade no coñecemento da historia da nosa lingua e, tamén, dos persoeiros clave da nosa historia. Desexo que sexa unha ferramenta útil. 

Comparte

Síguenos en

Copyright LugoSempre.com 2021

Política de privacidad