SUBTÍTULOS:

 
 
 
 
 
 
 
 
 

«Nada mellor que un GRAZAS con maiúsculas para rematar o ano. Teño por costume revisar a axenda antes de comezar unha nova. Repasar os eventos é unha oportunidade para valorar tantos momentos vividos. Uns días van solapando a outros e facilmente se esquecen actividades realizadas ou nas que participei como, por citar algunhas: presentación de libros, clubs de lectura, teatro, actuacións musicais, cursos, encontros El Progreso, programa “Falamos da escola”, viaxes, xornadas… Todas foron significativas, pero teño que facer unha mención especial á entrega do primeiro premio Xosé Castiñeira de Humanidades “Por unha vida de superación”, no claustro da catedral de Lugo, rodeada de amigos, o Orfeón Lucense e a familia de don Xosé.

Outra data moi importante foi a presentación do meu libro Unha historia de superación, cunha inauguración simbólica da rampla ao escenario da Biblioteca provincial, nun salón abarrotado e co acompañamento musical dunha alumna do colexio de Alfoz e outro do Ceip Veleiro Docampo de Castro Ribeiras de Lea.

Non podía faltar a celebración do Día internacional das persoas con diversidade funcional no Ceip Plurilingüe Seis do Nadal de Vigo, cun encontro cos nenos de quinto e sexto, familias e profesorado; e a celebración do Día dos dereitos humanos na parroquia de San Francisco Javier, na que, unha vez máis, lin e comentei o conto Noa e o xenio Reviravoltas.

No colexio de Vigo, ao comentario de que deixei unha clara mensaxe de inclusión, equidade e superación, correspondín coa miña felicitación polo seu traballo para lograr unha escola única e diversa, na que teñan cabida todos. Foi un día intenso, especialmente gratificante cos nenos que me expuxeron cantidade de preguntas para rematar con aplausos, abrazos, sorrisos, choque de mans e uns debuxos que fixeron no pouco tempo que lles quedada para rematar a xornada, e que conservo con moito cariño. Notábase que estaban familiarizados coas persoas con capacidades diferentes.

Encontrarse cun colexio así compensa toda unha loita que comezou no curso 81-82 coa primeira experiencia de escolarización de nenos con necesidades educativas especiais, nunha sala do Centro Base do Inserso de Lugo. Queda demostrado que, cando se quere, danse pasos para chegar a esa escola que nos leve a tan ansiada sociedade inclusiva. De novo lembro ao pedagogo Loris Malaguzzi: “Una escuela debe ser un lugar para todos los niños, no basado en la idea de que todos son iguales, sino en que todos son diferentes”.

A frase dun dos debuxos dos nenos “Te queremos Marisol”, ben pode ser representativa de como me sinto, así que o máis sincero agradecemento e as GRAZAS con maiúsculas polas persoas e acontecementos que marcaron este 2024.»

 
 

 

Comparte

Síguenos!

Copyright LugoSempre.com 2021

Política de privacidad