Dona Lupita pertencía a outro tempo. Collera o costume de ir dúas veces por semana á perruquería para compoñer o moño. O moño de Dona Lupita, unhas veces semellaba un avespeiro e outras veces semellaba unha barrica. Segundo a dirección que trouxese o ar. O moño de dona Lupita inclinábase cara ao setentrión, cara ao mediodía, cara ao nacente ou cara ao poñente, así que para saber a dirección do ar só había que fixarse no moño de dona Lupita. Dona Lupita sempre tiña que agocharse nas portas, algunhas veces un pouquiño e outras veces un pouquiño máis, segundo a altura do moño. Dona Lupita sempre ía á mesma perruquería. A perruqueira tamén pertencía a outro tempo, só sabía facer moños, así que dona Lupita chegaba, sentaba e non dicía nin chío; a perruqueira facíalle o moño, dona Lupita pagáballe e liscaba. Dona Lupita durmía sempre co moño e velaí que chegou o día en que non collía na cama, entón foi a un carpinteiro para que lle fixese outra.

—E como a quere? —preguntoulle o carpinteiro.
—Xa ve, tómeme as medidas —contestoulle dona Lupita.

Para tomarlle as medidas, o carpinteiro tivo que subirse a unha escaleira.

Cando o carpinteiro lla levou, a cama non lle collía no cuarto, así que dona Lupita tivo que facerlle un buraco ao testeiro da cama vella e á parede, e durmir co moño por fóra da casa. Cando dona Lupita se erguía pola mañá, tiña o moño xeado, ou mollado, ou con niños.

Dona Lupita coñecía a don Valentín de Deus, alias das Piñas dende había moitos anos. Un día encontráronse na rúa da Raíña en Lugo.

—Onte vina pola muralla, dona Lupita —díxolle don Valentín.
—Si, pois eu a vostede non o vin, don Valentín —contestou dona Lupita.
—Non, é que eu ía por baixo, pero vinlle o moño e dixen: velaí vai dona Lupita!

Cando poñen a iluminación atravesando as rúas da cidade nas festas de San Froilán, dona Lupita non pode saír da casa porque o moño préndelle nela. O Concello argalla non poñer a iluminación nas próximas festas para que dona Lupita poda andar polas rúas da cidade sen problemas.

Un día, don Valentín volveu poñer o traxe negro, pero esta vez non foi para ir a unha festa, nin a unha voda. No enterro de dona Lupita había moita xente e comentábase que á finada houbólle que cortar o moño para que collera no ataúde.

O moño de dona Lupita pousouse no Hotel Méndez Núñez e un descoñecido pagou douscentos euros por el. Pasado o tempo souberon que o comprara un fabricante de perrucas, así que o moño de dona Lupita segue por aí a cachóns.

Din que no cemiterio de San Froilán a sepultura de dona Lupita está cuberta de pelos, e a xente pensa que ao esqueleto de dona Lupita lle medra o moño.


De contos e cousas de Lugo

Vicente Piñeiro 

Comparte

Síguenos!

Copyright LugoSempre.com 2024

Política de privacidad