SUBTÍTULOS:

“Sempre existiron persoas que o grupo maioritario considerou diferentes, entre elas as que teñen limitacións físicas. Ao largo dos máis de cen anos de vida, o cine recorreu á súa utilización. A Semana de Cine actualiza os recordos, por iso quero comentar o que significou a Semana XVII do ano 95, na que Auxilia tentando facerse presente en todos os ámbitos contacta co Grupo Fonmiñá para ver de incluír un ciclo sobre a problemática da discapacidade que servise de Campaña de mentalización. A proposta foi recollida con sensibilidade e entusiasmo brindando todo tipo de facilidades. O título «Entre el terror y la soledad: los minusválidos y el cine»,  incluído na serie Materiales para la integración, non parecía moi afortunado, pero era o reflexo dun panorama social que empezaba a cambiar por un tratamento máis real e máis humano.  

Coas películas: Mi vida, La larga noche de los bastones blancos, Mi pie izquierdo, El aceite de la  vida, Alguien voló sobre el nido del cuco e Herman abordáronse temas como: a realidade da marxinación social, a loita pola superación persoal, o papel da familia, a denuncia de situacións, a superación de complexos, as ansias de vivir e a forza do amor.   

A nivel nacional AUXILIA celebraba unha reunión xeral de todos os Núcleos, coñecida como Pleno, na que se informaba das actividades do ano. Entre outras cousas, detallei como novidade a experiencia da «Campaña de mentalización social: participación en una Semana internacional de cine». Ao rematar o meu discurso, escoitei o comentario: «Eso no es Auxilia». Non me pillou de sorpresa xa que non era a primeira vez que chamaba a atención a relación que tiñamos cos medios de comunicación e a súa implicación na nosa dinámica. Actividades que para Lugo eran habituais, para os demais eran descoñecidas. Con todo, algo debeu quedar no ambiente porque me pediron, para o meu asombro, responsabilizarme de iniciar o tema. Foi un ano de traballo intenso no que, como membro do Consello Directivo, mandei unhas nocións do que considerábamos que debía ser a acción exterior, cuestionarios, unhas pautas de actuación, etc.  

Sobre a base do cine como un medio máis de mentalizar e insistindo que todas as iniciativas son válidas e necesarias se nos axudan a cambiar conceptos, no Pleno do ano seguinte, o XXIV da Asociación, presentei o relatorio: «Acción exterior: necesidad e importancia», acompañado dun informe da nosa presencia exterior. Pouco a pouco foise dando certa apertura e, o que empezou sendo un punto de discordia, rematou coa necesidade de promover unha Coordinación General de Acción Exterior.

Seguimos a loitar por un cambio social que contemple a inclusión. Ante actitudes de rexeitamento cabe promover a cultura da diversidade presentando as dificultades, pero tamén as posibilidades. Unha vez máis quero mostrar o agradecemento ao Grupo Fonmiñá que na Semana 45 volve estar presente coa súa homenaxe a unha Auxilia-Lugo que xa cumpriu os cincuenta anos, e lembrarlle con gran satisfacción que «Por unha Semana de Cine… cambiou, en parte, o rumbo de AUXILIA».”

 

Comparte

Síguenos!

Copyright LugoSempre.com 2021

Política de privacidad