José Cando Sixto, membro da directiva de Lugo Sempre e empresario do sector transportes con sede de empresa no Polígono de O Ceao, en Lugo.

Ola, son José Cando Sixto; un grupo de homes e mulleres e Lugo convidoume a participar nesta iniciativa de compromiso coa nosa cidade, co noso concello, coa nosa provincia; o mero nome xa é unha declaración de intencións, Lugo Sempre.

Son un empresario radicado en Lugo e viaxeiro por mor do meu traballo. Certo é que nun tempo pasado Lugo chegou a ter un pulo importante, non só social, senón mesmamente empresarial con iniciativas públicas e privadas que deixan pegada; estou a pensar na Ribeira Sacra, por exemplo, e a súa consolidación no mercado do viño por mor de facer as cousas con xeito.

Estou a pensar nas comunicacións interprovinciais que, aínda con eivas, melloraron pero non de xeito harmónico e preciso; velaí o ferrocarril ou a autovía Lugo-Ourense ou Lugo-Santiago ou mesmamente a da Mariña; así como un bo número de estradas provinciais que precisan dunha maior atención.

O Tecido empresarial reséntese claramente, non temos máis que ver o que acontece en Alcoa que, por moito parche que se faga agora, senón se mira con ollos de futuro, moito me temo que de aquí a uns anos (poucos) volveremos a estar na mesma. O sector agrario e gandeiro está a ser o neno pobre e enfermizo da nosa economía e, por riba, todos a laiarse do deserto rural que estamos a sofrir. Son pequenas, e non suficientes as iniciativas, tanto públicas como privadas, que ben merecen un aplauso, pero son fabas contadas.

E se falamos da cidade de Lugo, sinto pesar pola mala, pouca ou nula xestión que se fixo dende as institucións nos últimos dez anos. Se esquecemos o hospital, pouco nos queda aos lugueses para loubar; e se esto pode parecer un aplauso de cara á Xunta, pois non, hai déficit coa nosa cidade, véxase senón a inacabada e tan necesaria Rolda Leste para artellar unhas comunicacións como é debido; pero se de comunicacións falamos, que se pode dicir da chamada Avenida Adolfo Suárez, posiblemente a entrada máis desastrosa a nosa cidade.
Que falta de sensibilidade, pero sobre todo que falta de xestión o non ter solventado tres centos metros de estrada que achega dende Duquesa de Lugo ao Polígono do Ceao, en dúas fases; unha dende a rotonda que enlaza coa estrada N-640 ate o cruce con Paulo Favio Máximo, din que desta vai, veremos. E outra, a que vai dende a rotonda do centro de maiores ate o enlace co polígono citado; que arrepío, sen luz, sen seguridade, en fin.
Podemos seguir metendo o dedo na ferida, e farémolo. Como carta de presentación, queda para o pensamento individual. 

Un saúdo,

José Cando Sixto

Copyright LugoSempre.com 2021