Como habitante de Lugo dende o nacemento, o meu obxectivo a través deste curto escrito é facer saber o que máis me gusta da miña cidade e, por suposto, da miña provincia.

Agora que estudo nunha cidade notablemente máis poboada como é A Coruña, tomei consciencia de que cando chego de volta podo gozar dunha tranquilidade e dun sosego que, en moitas ocasións, na cidade herculina non podo ter.

Porén, se xa o anterior exposto é un aspecto moi positivo, o mellor chega cando, amén da quietude, un ten unha oferta cultural e de ocio moi variada. Pódese gozar do casco histórico (e, consecuentemente, da súa xente e ambiente); das rutas para camiñar ou ir en bicicleta polo paseo do río Rato e do río Miño chegando ata a Fervenza; de sentir as cores do Clube Deportivo Lugo no Anxo Carro e mais do Breogán no Pazo dos Deportes; de ter un comercio local extraordinario e unha multitude de quefaceres máis. Por outro lado, como fusión entre tranquilidade e ocio, a gastronomía debe ter mención honorífica, ao albergar restaurantes de tódalas cores con carnes e pescados saborosos.

E o que ocorre na cidade, pódese a extrapolar ó resto da provincia. Polo que respecta á Mariña, no meu caso particular, coñezo moitas das praias e, con seguridade podo dicir que son nas que o mellor o pasei xunto a miña familia e os meus amigos. No sur, celébranse festas cunha repercusión grandísima, como o San Xoán de Becerreá e Sarria, ou a famosa festa Medieval de Monforte de Lemos.

De novo, pódese apreciar esa fusión que tanto me gusta de Lugo, esa tranquilidade lúdica, polo mesmo fago meu o de, Lugo Sempre.

Luis Villares Díaz

Copyright LugoSempre.com 2021